Agnosco veteris vestigia flamea: latina lingua et cultura in mea vita

Blog dos alumnos de Latín de 1º de Bacharelato do Colexio Calasanz - PP. Escolapios (A Coruña)

11 abr. 2011

A lexión da aguia

Hoxe tiven a oportunidade de asistir, xunto cunha compañeira e amiga e algúns dos meus alumnos de Latín de 1º de Bacharelato, á proxección do filme "A LEXIÓN DA AGUIA", unha aventura épica de época romana, baseada no libro "A aguia da novena lexión" de Rosemary Sutcliff.

Cartel La legión del Águila

A acción sitúase en Britania, no século II d. C. Dous homes, un amo e o seu escravo, aventúranse alén da fronteira do mundo coñecido por aquel entón (marcada polo muro de Adriano) nunha busca tan obsesiva coma peligrosa que os levará até os límites da lealdade e a traizón, da amizade e o odio, do desengano e o heroísmo…

No ano 120 d.C., o Imperio Romano esténdese até Britania, aínda que o seu dominio non é completo dado que as tribos rebeldes de Caledonia (a actual Escocia) se fixeron fortes no norte. Marco Flavio Aquila chega a Britania, decidido a restaurar a empañada reputación do seu pai, Flavio Aquila. Hai vinte anos que os 5.000 homes da Novena Lexión, encabezados por Flavio e o famoso emblema de ouro, a aguia da Novena Lexión, marcharon cara o norte, a Caledonia. Nunca volveron. A lexión e o emblema desapareceron entre as brétemas das montañas. Furioso, o emperador Adriano mandou levantar un muro para pechar o territorio. O Muro de Adriano chegou a ser a fronteira máis septentrional do Imperio Romano, no límite do mundo coñecido.


Educado para converterse nun brillante soldado e ao mando dun pequeno fortín situado no suroeste da illa, Marco fai proba dun valor inconmensurable durante un asedio. Roma gábao, pero sepárao do servizo debido ás súas graves feridas. Marco, desmoralizado, convalece na "villa
" do seu tío Aquila, un oficial retirado. Durante unha pelexa de gladiadores, Marco pide impulsivamente que se lle perdoe a vida a un xoven escravo, e Aquila compra ao britano Esca para regalarllo. Marco trata a Esca con desprezo, e o escravo odia todo o que é romano. Pero Esca xura servir ao home que lle salvou a vida.

Ao oír que a aguia de ouro foi vista nun templo do afastado norte, Marco decide actuar e, acompañado por Esca, chega dende Roma e cruza o Muro de Adriano para resolver o misterio e limpar a reputación do seu pai, o comandante da Novena Lexión. Descobre que os montes de Caledonia ocupan unha vasta e salvaxe rexión, onde se enfrontará a tribos salvaxes. Non lle queda máis remedio que fiarse do escravo se quere chegar ao seu destino. Atópanse con Guern, un ex lexionario romano, e Marco comprende que o misterio da desaparición do seu pai seguramente teña que ver coa identidade e lealdade do seu escravo. Descubrir o segredo faise máis apremiante cando ambos se enfrontan aos guerreiros do temible príncipe dos Foca.

En "A lexión da aguia" somos testemuñas do encontro de tres culturas: celta, britana e romana. A través de Marco e Esca, dous homes perdidos nunha misión que semella imposible, "A lexión da aguia" representa un imperio: ata onde chega a conquista?, ata onde se conquista o individuo e se cambia a súa cultura?


Na clásica novela"A aguia da novena lexión", que escribiu Rosemary Sutcliff en 1954 e na que se basea o filme, a escritora trata un acontecemento histórico moi estraño: a desaparición da Novena Lexión. Destacada durante varios anos en Eburacum, a actual cidade de York, no norte de Inglaterra, perdéuselle a pista no ano 120 d.C., dando pé á idea de que se adentraron en Escocia e nunca regresaron. Hoxe en día, os historiadores están divididos; algúns defenden a teoría de que a Novena Lexión desapareceu sen deixar pegada en Escocia, mentres que outros simplemente cren que foi trasladada a outro lugar. Sexa cal sexa a verdade, a súa desaparición é unha posibilidade histórica.

A novela, da que se venderon máis dun millón de exemplares, foi dramatizada para Radio 4, en Inglaterra, e adaptada en 1977 para unha miniserie de seis episodios de media hora cada un da BBC.

Recoméndovola!!!

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.